O Centro Galego de Arte Contemporánea é un espazo de difusión que ten a función de dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar acerca da diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea.
Creado en 1993, a aparición deste centro enmárcase dentro da política xurdida en España a partir da década de 1980 para promover o desenvolvemento de plataformas culturais e favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional.
Desde os seus inicios, o CGAC mostrou as liñas directrices da arte das últimas décadas mediante exposicións retrospectivas de artistas recoñecidos internacionalmente ao lado de mostras adicadas a difundir a arte galega, incluíndo tanto autores xa consagrados coma os máis emerxentes.
Tamén son continuas as colaboracións con outras institucións, que nesta nova etapa se verán reforzadas con proxectos a longo prazo.
Alén dun espazo expositivo, o CGAC é un centro dinámico e multidisciplinar no que se celebran ciclos de conferencias, talleres impartidos por artistas e incursións no campo da música, as artes escénicas e o cine, que permiten a participación activa do público e favorecen o intercambio de ideas entre profesionais de distintos ámbitos.
A sociedade e a súa problemática incorpóranse ao mundo da arte; as salas do centro ábrense ás posibilidades da tecnoloxía e a debates sociais que inflúen tamén na colección permanente do CGAC, construíndo un relato que se le a través dos acontecementos actuais, e que facilita a individualización das obras á vez que a interrelación entre todas elas.