-
Este 2013 o CGAC celebra o seu vixésimo aniversario, dúas décadas de exposicións, conferencias, performances, cine, talleres... Vinte anos que compartimos con artistas, comisarios, críticos, compañeiros e amigos que pasaron polo noso centro. Ao longo deste ano ímolo conmemorar con diferentes iniciativas que serán difundidas tanto desde esta web como desde as nosas contas nas redes sociais.
Comezamos convidándovos a participardes na convocatoria O teu CGAC en imaxes ou a visitar o apartado Lembra... na nosa páxina de Facebook.
-
16 - 18 maio
Para celebrar o Día Internacional dos Museos diferentes museos da cidade compostelá organizan actividades de xeito conxunto. Dentro desta programación, o CGAC inicia unha nova edición do ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras, que comezará o xoves 16 de maio, e comparte co Museo do Pobo Galego o espectáculo de danza Dous espazos, tres movementos o sábado 18 de maio.
-
7 maio - 11 xuño
Novas citas dentro do ciclo de visitas guiadas conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico para as exposicións Miguel Palma: Desconforto moderno e Colección CGAC: adquisicións e incorporacións recentes.
-
30 abril
O CGAC acolle a presentación do documental The Ghost of Piramida, unha película de Andreas Koefoed sobre a visita que o grupo danés Efterklang realizou en Piramida, preto do Polo Norte, para crear o seu último disco.
A partir das 20.30 h. Entrada de balde até completar a capacidade do auditorio.
-
28 abril
Con motivo do Día Internacional da Danza, o CGAC acolle Comunicando, unha proposta da compañía danzaUSCompostela. O espectáculo quere pór de relevo o paradoxo existente na comunicación entre persoas no contexto actual de hiperconexión virtual e trata sobre como xestionamos a información coa que somos bombardeados a diario. Esta proposta está enmarcada no proxecto Asaltos da danza, un proxecto da rede Danza-T que combina a danza e as artes plásticas en diferentes centros de arte contemporánea.
