![]() |
Comisario/a: Carlos Urroz Artistas: >> |
Existe unha estética común a unha xeración? Existe un interese por certos temas polo feito de nacer nuns determinados anos? Por que persoas da mesma idade reaccionamos de maneira semellante ante determinadas obras dunha exposición? Estas son as preguntas que xurdiron estudando as pezas incluídas na colección PECAR de artistas contemporáneos. Esta colección foi creada por unha parella nova nada a finais dos sesenta para quen un dos criterios para adquirir unha obra –por riba de temas ou soportes– é que o artista sexa da súa xeración
Cuestión Xeracional é unha exposición de cerca de trinta pezas e unha ducia de vídeos procedentes desta colección, tanto de artistas nacionais como estranxeiros, nados na súa maioría na década dos sesenta. Son fotografías, óleos e esculturas nos que se pode apreciar un compoñente temporal, tanto polos temas como pola maneira en que están tratados.
A exposición articúlase en catro eixos principais. O primeiro sería a arte como representación da realidade, a través das imaxes especulares de Candice Breitz, Leandro Erlich e Ángel Mateo Charris. A segunda sala está dedicada á cidade, entendida como un conxunto de edificios pero tamén de persoas e situacións, onde as fachadas de Frank Thiel e Sarah Morris se contrapoñen ás imaxes de lixo de Ester Partegás ou ás intervencións de Gregor Schneider; onde as zonas de xogo de Pierre Huyghe e Carsten Höller nos levan á pintura abstracta de Suling Wang. As imaxes de arquitectura son completadas polas persoas e situacións que aparecen no programa de vídeo Vidas urbanas que completa esta sección. Inclúe obras de Allora & Calzadilla, Slater Bradley, Regina José Galindo, Muntean & Rosenblum, John Pilson, Sergio Prego, Julian Rosefeldt e Hans Schabus.
Das series de ciencia ficción da televisión, que nos permiten ver o futuro con dez anos de antigüidade, procede a idea de agrupar artistas tan dispares como Manu Arregui, Angela Bulloch, Tacita Dean, Mariko Mori ou Bjørn Melhus. Son obras nas que as referencias temporais de pasado e futuro se mesturan, tanto polo desexo de ver a arquitectura do mañá no presente como pola arqueoloxía do futuro que aparece nas antigas series de ciencia ficción.
A cuarta sala está dedicada a imaxes cuxa tensión dramática anticipa acontecementos que non explican, creando unha curiosa visión do corpo e o individuo (Fikret Atay, Doctor Lakra, Jon Mikel Euba, Pierre Gonnord, Sam Taylor-Wood, Santiago Sierra, Eulàlia Valldosera…). Tanto pola composición como polo momento en que están tomadas, as imaxes obrígannos a unha segunda lectura, a completar un final aberto e, ás veces, escuro.
Cuestión Xeracional é unha pregunta aberta sobre a existencia dunhas características comúns á iconografía dunha xeración, á cal responderon artistas, críticos e comisarios no catálogo da exposición.