![]() |
Comisario/a: Manuel Segade Artistas: Susan Philipsz |
Susan Philipsz investiga co seu traballo sobre as posibilidades escultóricas e psicolóxicas do son. Nas súas mostras as salas de exposición permanecen baleiras, alteradas a nivel perceptivo por instalacións sonoras que provocan unha lectura diferente do espazo no que se insiren. O público ve sometido o seu percorrido á temporalidade do discorrer da música. O cheo sonoro no baleiro espacial volve ao espectador radicalmente consciente da súa posición no lugar: confírelle unha fisicidade estraña a través dunha sensación inmaterial. A artista recorre a interpretacións a capella do repertorio popular tradicional, cunha voz educada pero non profesional, que volve próxima e á vez estraña a fonte orixinal.
Tocante ás implicacións psicolóxicas, ao reinterpretar músicas recoñecibles, Philipsz xoga habilmente coa memoria colectiva. A través de referencias que teñen que ver cos contextos orixinais de onde extrae as cancións ou coas súas letras, a artista provoca emocionalmente ao oínte. As súas intervencións manteñen unha especial relación coa produción de subxectividade: moven a identidade individual, manipulando a súa capacidade de fixación, escoitando coa inquietude de non saber a onde mirar nun suposto espazo de contemplación ou provocando un movemento emocional que complica ese baleiro co sentido da perda ou da morriña dunha posibilidade de recuperación.
Susan Philipsz (Glasgow, Reino Unido, 1965) participou, entre outras importantes citas, en Manifesta 3 (Ljubljana, 2000) e na Triennial of British Art (Tate Britain, Londres, 2003), e desenvolveu o seu proxecto máis recente para Skulptur Projekte Münster 2007. Recentemente, o CGAC incorporou catro das súas obras á súa colección.
Company (Compañía), 2000
Instalación sonora / 10’ en bucle
O son que chega dun segundo plano, crea a posible ficción de que alguén toca o piano na habitación do lado, premendo nas teclas na procura dunha melodía. A peza que se tenta interpretar é o tema central do filme Don’t Look Now de Nicholas Roeg. Os temas que trata, como a ausencia e a arela, constrúense en paralelo a través da dubitativa interpretación que fía pouco a pouco a súa composición.
The Dead (Os mortos), 2000
Proxección de 35 mm con pista de audio / 22’ en bucle
A artista interpreta sen acompañamento, como banda sonora da película proxectada, a balada tradicional irlandesa The Lass of Aughrim. Trátase do tema central do último filme de John Huston The Dead (1987), que adapta o célebre relato de James Joyce do mesmo título. Na devandita película, o clímax da historia producíase cando Anjelica Huston, no momento en que saía co seu marido para a celebración do Nadal, sentía por casualidade a alguén cantar esta canción. Ese son devólvelle a lembranza traumática dun episodio da súa mocidade no que un adolescente que a pretendía se deixaba morrer de amor por ela. Esa emoción brutal pon en cuestión a felicidade calma adquirida ao longo do resto da súa vida. A película remata coa neve que torna branca toda Irlanda, caendo “sobre todos os vivos e os mortos”. Na peza de Susan Philipsz, o filme non mostra imaxe ningunha: a luz, coa brancura da neve, crepita como un fragmento de tempo, pautado pola canción que se repite unha e outra vez. Un espazo aberto á proxección dos espectros da memoria individual que nos constituíron como suxeitos.
The Glass Track (A senda de cristal), 2005
Instalación sonora / 10’ en bucle
Nesta instalación o son provén de bocas de vasos refregados cos dedos, con diferentes niveis de auga cada un. O son que fluctúa no espazo provoca unha sensación de abandono que cambia a percepción convencional do espazo expositivo, definindo os seus límites a través de recursos coma o e co e a repetición, que resoan no corpo do espectador.
There Is Nothing Left Here (Non queda nada aquí), 2006
Instalación sonora / 6’ 40’’ en bucle
O título da obra remite a unha canción de P J Harvey que evoca un momento que calquera pode ter vivido: aquel verán da mocidade no que xurdiu o amor entre dúas persoas. Ese pasado trúncase no refrán, que regresa a un presente no que “xa non queda nada”. Os silencios que crea a falta de acompañamento respecto ao tema orixinal acentúan, por unha ausencia demasiado explícita, unha saudade profunda. Continuando a interpretación vocal, o son repenicante dun vibráfono resoa no espazo acentuando o seu baleiro. É o efecto das baladas pop: cando remata a súa reprodución non queda nada máis ca a súa pegañenta emoción melancólica.
From the Beginning (Desde o comezo), 2007
Instalación sonora / 8’ 16’’ en bucle
Unha vez máis combinando alternas interpretacións de voz e vibráfono, esta peza contén tres cancións consecutivas: a balada que anuncia o tráxico fin do policía Howie, protagonista inocente do clásico filme de 1973, The Wicker Man; a repetitiva composición The Wonderful Widow of Eighteen Springs, que John Cage fixo en 1942 con letras tomadas de Finnegan’s Wake de James Joyce; o tema final do álbum Revolver dos Beatles, que John Lennon compuxo mentres lía o Libro tibetano dos mortos, baixo a influencia do comentario de Timothy Leary en The Psychedelic Experience. O vibráfono acentúa o que as letras propoñen: o ton elexíaco do colapso ante un cambio de estado de conciencia; coma un arrolo en tres partes, unha evocación do soño, ao que un se abandona desde a orixe ata a morte, unha e outra vez.
Let It Breathe (Deixa que respire), 2007
Instalación sonora / 10’ en bucle
Especialmente producido para o Dobre Espazo do CGAC, a artista seleccionou para realizalo unha serie de diferentes tubos de órgano para gravar despois o efecto de soprar en cada un deles. Os seus sons, cada un emanando do seu propio altofalante e fluctuando entre eles, respóndense coma ecos por todo o espazo. A fisicidade do alento nos tubos crea espectrais presenzas humanas no espazo, corpos inexistentes que evocan una atmosfera de dó, de pranto: o que non está.
Follow Me (Sígueme), 2006
Instalación de 4 canles de son envolvente / 2’ 27’’ en bucle cada 5’ / Colección CGAC
Realizada para a IV Bienal de Berlín, foi orixinalmente instalada no antigo cemiterio militar da capital alemá. O audio reproduce unha interpretación do tema Happenings 10 Years Time Ago dos Yard Birds, que trata da realidade fronte á ilusión. As catro canles de sons independentes, no cruzamento de camiños do cemiterio de Bonaval, superpoñéndose e seguíndose uns aos outros, reverberan ao redor do ciprés funerario como a memoria de voces desaparecidas que permanecen atrapadas no tempo.