O DECLIVE DA ORTODOXIA? SEMINARIO EN TORNO ÁS POLÍTICAS DA DIVERSIDADE SEXUAL NA ARTE

18 - 20 maio 2009
Encamiñámonos cara ao tramo final da primeira década do século vinte e un. Non hai demasiado tempo, no imaxinario colectivo, pensar neste século equivalía a fantasiar sobre un horizonte futurible, prometedor, inzado de logros e de progresos. Con todo, a realidade é testana e as marabillas soñadas atópanse cuns feitos que non están precisamente pintados de cor de rosa, sobre todo no que atinxe á falta de igualdade que padecen as mulleres en moitos países do mundo, nos que as prácticas violentas (maltratofísico, psíquico, violacións, mutilación xenital, etc.) son frecuentes, constantes, insoportables. A situación é igual ou máis arrepiante se cadra no que se refire a ese amplo sector da poboación mundial enmarcado baixo a denominación de diversidade sexual. A existencia cotiá dos homosexuais, das lesbianas, dos e das transexuais, das persoas transxénero e dos intersexuais móvese entre a invisibilidade máis absoluta –é dicir, a negación da súa propia vida– e o odio, a persecución e o castigo, incluída a pena de morte. Dito isto, nos últimos anos producíronse avances no ámbito legal que supuxeron cambios considerables. O dereito ao matrimonio civil e o acceso á adopción para persoas do mesmo sexo en países como España, entre outros, é sen dúbida unha conquista histórica. A posibilidade de que as operacións de reasignación de sexo sexan viables, e nalgúns lugares mesmo pagadas polo erario público, e de que os documentos de identidade se adapten á realidade de xénero vivida polas persoas trans tamén é unha mellora. Pero quedan moitos logros por conseguir e a presión dos fundamentalismos relixiosos e das mentalidades pechadas non axuda, ao contrario.
No terreo das prácticas artísticas, no espazo de reflexión que suscitan as exposicións, nas publicacións de carácter teórico e nos catálogos, as contribucións sobre a diversidade sexual son moitas e variadas, polo menos desde os anos sesenta.
Neste seminario vanse abordar cuestións e asuntos de distinta natureza, unidos todos eles por unha vontade de crítica cara ás posicións restritivas, sexófobas e cara ás formulacións pechadas e dogmáticas.
No tempo que ha durar o seminario, os distintos conferenciantes e relatores das mesas ofrecerán diferentes aproximacións ás filosofías de xénero, ao pensamento gay e lésbico, ás formulacións transxenéricas, aos feminismos e ás ideas procedentes da teoría queer.
Nestes tres días oirase a miúdo citar a Michel Foucault, a Judith Butler, a Monique Wittig, a Teresa de Lauretis e a moitos artistas que nos últimos corenta anos axudaron a transformar a imaxe do mundo. Tamén sairán a colación fragmentos e retallos da historia LGBT e do activismo na España democrática, e alusións ás distintas exposicións que se desenvolveron noutros países sobre calquera aspecto da heterodoxia sexual. E hase ver que estas materias cheas de amor, de dor, de fantasía, de política, de reivindicación non só abundan no mundo anglosaxón senón que teñen impacto así mesmo en Alemaña, en Turquía, en Chile, na India, no Estado español... Un mundo diverso, un futuro mellor agárdanos, se loitamos por el.
Juan Vicente Aliaga
ProgramaCurrículumsBasesActualizado o 05.05.2009